#CamiñosdeChantada

Unha idea que levaba moito tempo rondándome os miolos, e que, hoxe por fin bota a andar grazas ó finanzamento do Concello de Chantada.

O proxecto ten como obxectivo a posta en valor dunha parte tan importante do noso patrimonio como son os camiños tradicionales que entretecen os lugares, os soutos, as carballeiras,… do noso concello. Estes camiños/sendeiros que foron unha parte importantísima da cultura, da economía,…, en definitiva da vida dos nosos antepasados; atópanse na actualidade totalmente abandoados (moitos deles supoño que case serán irrecuperables) en boa medida por falla de uso, pero tamén por desidia ou incluso por aproveitamente ilegal da súa superficie por parte de particulares.

Por todo isto, o proxecto presentado por Monte da Roda ó Concello de Chantada consiste na recuperación, sinalización e mantemento da maior cantidade posible de tramos destes camiños ata facer o que poderíamos chamar unha “tea de araña” que se extenda a tódolos recunchos do concello (incluso comarca nun futuro) e permita que tanto a nosa xente como os visitantes foráneos poidan disfrutar a pé dos máis fermosos recunchos da nosa xeografía. Xa sei que se trata dun traballo tremendamente extenso e complicado, pero “carallo había que intentalo”.

Dende aquí gustaríame expresar o máis sinceiro agradecemento á xente que me animou a botar adiante esta idea, ó Concello de Chantada por confiar en Monte da Roda e xa de paso a quen de aquí en adiante queira facer calquera aporte de información que me axude neste traballo.

Xa para rematar, e a modo de anécdota, decir que as fotos forman parte do primeiro día de traballo, e como non podería ser doutra maneira, ese traballo desenrolouse no MONTE DA RODA.

Ruta das Cabaleiras

Pois xa temos acotada, referenciada e lista a primeira ruta propia de Monte da Roda. Como podedes ver no MIDE, trátase dunha ruta fácil cun percorrido sinxelo e apto para tódolos públicos , pero de todos modos moi, moi,…interesante. A Ruta das Cabaleiras é unha proposta chea de historia, natureza, curiosidades,… vamos unha ruta chea de Ribeira Sacra.

…sígueme